Sinfonía 0

SINFONIA 0

 

De raíz etimolóxica grega, o termo Sinfonía [symphonia], alcanza significar “sonar en conxunto”. Dende épocas pretéritas da historia da música occidental, a Sinfonía foi o recipiente formal escollido pola meirande parte dos compositores, para dar cabida ás súas obras máis representativas. Estamos falando dun xénero que foi variando, evolucionando, e proxectando obxectivos moi diversos durante o seu percorrido cronolóxico (sinfonía como estructura formal, como poema sinfónico, como base pictórica impresionista, ou simplemente, sinfonía no sentido de “peza musical para tocar en conxunto”). Inequívocamente, os compositores entenden unha sinfonía coma un Universo de sonoridade; un único ente, formado por cada unha das súas pequenas partes; unha suma de infinitas individualiades, imprescindibles para ter unha unidade completa e infraccionable.

Por outra banda, o número cero [0] representa aquela cifra para numerar o non numerable, para cuantificar o non cuantificable… incluso para anular a existencia; desta forma, o cero pode representar o infinito. A simboloxía icónica do cero, ese perfecto círculo pechado, evócanos a pensar nun ciclo… indúcenos a reflexionar sobre unha viaxe circular darredor dese número redondo… un percorrido infinito, volta tras volta, no que cada paso polo mesmo punto nos invita a ser conscientes da evolución desa singradura circular. O sentido e a dimensión infinita dese Universo, que pode estar representado na sinfonía.

Así, a temporada Sinfonía 0 configúrase con 6 programas sinfónico-camerísticos, todos eles completados por sinfonías sen numerar, e coa pretensión de mostrar unha xenerosa variedade estilística, formal, cronolóxica, xeográfica e conceptual das posibilidades da Sinfonía. Iniciamos e reiniciamos o ciclo cos mesmos títulos, pero diferentes músicas, simbolizando ese reiterativo paso por un mesmo punto, que nos vai enriquecendo a través das vivencias. Os demáis programas nútrense de sinfonías para recrear (paisaxes e folclores), sinfonías para reflexionar (a vida), sinfonías para renovar (mestizaxe sonora) e sinfonías para recoñecer (a arquitectura do discurso). Empregamos así verbos que comezan polo prefixo -re, que nos van guiando á última obra de todo o ciclo, esa Sinfonía nº0 de Anton Bruckner, na tonalidade menor de RE. A Banda de Lalín absorbe da sinfonía esa mensaxe de “sonar conxunto” como unha filosofía de crear sonoridade de maneira harmoniosa, e imprégnase dese sentido do Universo como un colectivo fortemente unido, no que cada compoñente aporta esa fracción imprescindible de compromiso e amor pola Banda. O significado do número 0, vai maridar contundentemente co propio anagrama da Banda de Lalín, ademáis contextualizado neste kilómetro 0 de Galicia; un 0 que ademáis nos permite tomar conciencia do comezo deste novo ciclo que está a comezar, igual que o Ave Fénix rexurde das súas propias cinzas.

Sinfonía 0

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll hacia arriba
Translate »