Escola de Música da Banda de Lalín

A Escola de Música da Banda de Lalín leva moitos anos sendo un auténtico sementeiro de talentos musicais. Ao longo dos anos, desde que a mediados dos 90 Luís Areán a creara, son moitos os rapaces que fixeron da Música a súa vida e que a día de hoxe son merecedores de eloxios en todos os escenarios por onde pasan. A Banda de Lalín serviu de estímulo para moitos destes mozos e mozas como pode ser o caso de María José Rielo, Alfredo Varela, Iván Crespo, José Luís Taboada Areán, Pablo Doval ou Benxamín Otero. 

O equipo docente da Escola está constituído por mestres da Banda de Lalín que destacana pola súa calidade pedagóxica e humana o que revirte beneficiosamente nos resultados acadados ano tras ano. 

A oferta formativa comprende os seguintes cursos: 

Curso de iniciación, para nenos de 4 a 5 anos: neste curso, a través da música e o movemento, procúrase un desenvolvemento das capacidades expresivas, musicais e motrices que permitan posteriormente a elección dun instrumento e a práctica gozosa desta actividade artística. 

Estará impartido en dúas sesións semanais nas que se traballará a voz, como medio de expresión por excelencia; o contacto coas fontes sonoras a través de diversos materiais, obxectos e instrumentos para descubrir as cualidades do son; o recoñecemento e representación da grafía musical; o desenvolvemento da percepción auditiva; e o movemento como medio de expresión e de sensibilización motriz, visual e auditiva, configurando así una ensinanza que axudará aos nenos e nenas a descubrir o seu propio corpo. 

Curso I, para nenos de 5 a 6 anos: a partires deste momento ás dúas sesións de música e movemento, un pouco máis enfocadas á linguaxe musical, comeza a práctica instrumental. Os nenos son aconsellados según as súas características para elixir o instrumento máis adecuado e comezan a descubrir a técnica e interpretación. 

Curso II, para nenos de 6 a 7 anos: trátase dunha continuación do anterior e comezan a ensaiar coa Banda Infantil de Lalín. 

Música para mozos: este grupo dentro da Escola da Banda vai orientado a alumnos con idades superiores que se atoparían un tanto desubicados con nenos máis pequenos. Teñen sesións de formación musical enfocada ao aprendizaxe da linguaxe musical e práctica instrumental, tendo en conta o amplo horizonte musical e a simultaneidade de xéneros, formas e estilos. 

Ademais, sirve como preparación das probas de acceso ao grao profesional no conservatorio. 

As especialidades instrumentais ás que se pode acceder a través da Escola son: frauta, óboe, fagot, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, bombardino, contrabaixo, violonchelo e percusión. 

Scroll hacia arriba
Translate »