Historia

Corría o ano 1942 cando varios músicos de bandas do Concello, como Goiás, Bermés ou A Penela, se xuntaban para formar unha agrupación na vila. Foi D. Lucas o primeiro director baixo a batuta do cal se atopaban Claudio, Inocencio, Canteiro, Felipe, Manolo (fliscorno), Benito, Magín, Elías (trombón), Antonio (fliscorno), o “Requinto” de Trascastro, Celso, Ismael, Antonio do Outeiro, Manolo, “Requinto”, Polo, Julio e “Catabís”. Durante dúas décadas a academia do ensaio estivo situada na Casa do Panadeiro, no Empalme e foi un tempo no que a Banda, ademais de D. Lucas, tivo outros catro directores: D. Arturo, D. Amadeo Valero, D. Jesús Pérez Rivas e o recoñecido D. Faustino del Río, célebre polas súas composicións das que hoxe en día todavía algunha delas se sigue a interpretar, coma o pasodoble “Coruña”. 

En 1963, por mor da emigración a países como Venezuela, varios músicos tiveron que abandoar esta formación, quedando reducida a só 11 membros: Manolo, o “Requinto”, Camilo, Elías, Luis, o “Tenor”, Jesús, o “Tren” de Padro, Salustiano, Celso (barítono), e Benito.  A diminución dos membros da plantilla trouxo consigo a disolución da Banda ata que en 1.975, D. Celso Blanco Álvarez tivo a idea de formar unha especie de fanfarria composta por un grupo de músicos que non exercían desde facía bastante tempo e que xa contaban cunha idade avanzada. Este conxunto, baixo o nome de “Banda de los Veteranos” presentouse por primeira vez en público nas festas de San Cristobo dese mesmo ano, sendo dirixidos por D. Claudio González. Foi tal o éxito que colleitaron nese festexo que a partir de entón foron requeridos para actuar en varias festas populares. Este grupo medrou tan rapidamente que en 1.976 chegou a contar con 45 músicos (todos da comarca), a pesar de que algún deles xa había tempo que non tocaba. 

Froito deste rexurdir musical, en 1.977 creouse unha sociedade musical onde, ao entraren novas persoas e ideas, se formou a Banda Cultural de Lalín. Nese no cesou como director D.Claudio González González, seguindo como músico da Banda. O seu substituto, D. Anxo Pereiro Cores, estivo ao frente da formación ata 1.979, ano no que foi relevado na dirección por D. Antonio Quintairos Grande e con quen a Banda viviría momentos de gran esplendor como a súa primeira gravación discográfica ou as viaxes a Arxentina e Venezuela. 

 En 1987 entrou como director D. Fernando Vázquez Arias que, durante algún tempo, compaxinou esta tarefa co cargo de Director do Conservatorio Municipal de Lalín. Este foi substituído no verán de 1.991 por D. Miguel Calero Navalón, último director que tivo esta formación baixo o nome de Banda Cultural de Lalín, xa que en 1.992, coíncidindo coa chegada desde Holanda de D. Marcel van Bree, esta agrupación abandonou o adxectivo de “Cultural” e pasou a chamarse Banda de Lalín. Este cambio de nome supuxo o comezo dunha nova época para esta formación. A chegada de Marcel van Bree a Galicia supuxo unha revolución en canto á concepción das bandas populares, ao repertorio e especialmente á formación dos directores. Contribuiu a espallar unha mentalidade máis aberta e pronto se comezaron a ver os froitos e beneficios non só na Banda de Lalín se non por toda a xeografía galega. Durante os 12 anos que Marcel foi director da Banda de Lalín sucedéronse os éxitos en certames coma os organizados pola Deputación de Pontevedra ou o Vila d’Altea, nos que o bo facer da Banda serviu para comezar a facerse un nome máis alá da nosa terra. 

No 2004 Marcel van Bree é chamado a facerse cargo da dirección da Banda Municipal de A Coruña e aterra en Lalín Mateo Adderi, mestre italiano de gran talento que se faría cargo da formación durante tres anos de intenso traballo por manter o nivel acadado. 

Logo dunha etapa de transición, no 2007 asume a dirección da Banda outro holandés: Bram Sniekers, con quen se escribiron algunhas das páxinas máis importantes da historia da Banda de Lalín. Durante 7 anos seláronse actuacións memorables como dúas participacións o World Music Contest de Kerkrade (anos 2009 e 2013); a gravación de 5 cds, unha nova participación no Certame Internacional Vila d’Altea e un sinfín de concertos con solistas de gran prestixio internacional coma Arno Pitters, Frits Damrow, David Childs, Nitzan Laster, Ana Lains ou Perry Hoogendijk entre outros. 

No 2015 chega á tarima da Banda de Lalín Isabel María Rubio Molina, o que supuxo un sopro de aire fresco na formación. Comezaba unha nova etapa de renovación na que se deu paso a máis de 40 rapaces que, grazas á boa labor da Escola de Música, foron capaces de adaptarse á dinámica dos proxectos da Banda de Lalín.

Foi un tempo no que se afrontaron retos de cara a achegar a Banda ao pobo con colaboracións constantes con agrupacións da vila como Máis que Danza, Scene Ballet, Fantoches Baj, A Banda da Tasca, Viravolta, a Coral Polifónica de Lalín,…

A estapa de Isabel Rubio chegaría ao seu fin en novembro de 2018 cunha meritoria participación no Certame Galego de Bandas de Música, onde se acadou o 2º premio e un gran recoñecemento por parte do público e da crítica especializada.

No 2019 faise cargo da dirección artística da Banda de Lalín o prestixioso David Fiuza con quen se inicia unha nova etapa chea de ilusión ao tratarse dun director que se considera da casa, cuxa meteórica traxectoria o sitúa como un dos referentes da súa xeración e con quen a agrupación sinte unha especial vinculación.

Scroll hacia arriba
Translate »