Aínda non comezara o novo século cando a Banda Xuvenil de Lalín deu os seus primeiros pasos en formas de notas. No ano 1996, ao amparo da Banda de Lalín, coa recén creada Escola de Música, un grupo de músicos comprometidos capitaneados polo grande Luís Areán puxeron en marcha un dos proxectos máis apaixoantes da vila coa pretensión de intentar inculcar xa dende pequenos unha cultura musical, un saber facer para despois estar integrados dentro da Banda de Lalín ademais de crear nexos de unión entre os rapaces.

Ocupáronse da dirección, nos primeiros compases, Benxamín Otero, Carlos Soto e Manuel Costa que cederían a batuta a Mateo Adderi provisionalmente antes de que se fixera cargo dela José Luís Taboada Areán, quen botou ao frente da agrupación 7 anos nos que se acadou un nivel moi salientable. No 2014 toma o relevo Santiago García Mella iniciando así unha nova etapa con moito entusiasmo e ilusións renovadas.

A Banda Xuvenil de Lalín sirve de canteira non só para a Banda de Lalín se non que ten formado a músicos que hoxe en día triunfan en certames e agrupacións de recoñecido prestixio a nivel internacional, reflectindo a importante dimensión humana, musical e cultural que respiran desde que fan soar as súas primeiras melodías.