2016-santa-ceciliawebO vindeiro domingo 20 de novembro, a Banda de Lalín celebrará o xa tradicional Concerto de Santa Icía como homenaxe á súa patroa. A actuación terá lugar na Salta “Tuno Valdés” do Auditorio Municipal a partires das 13:00 h.

Baixo o título de “Música e literatura”, o concerto deste ano achéganos a varios compositores que inspiraron as súas obras nas de recoñecidos escritores acadando así unha fusión entre artes de gran magnitude. O Poema Alpestre, de Cesarini; Romeo e Xulieta, de Prokofiev; The Seal Lullaby, de Whitacre; e Don Quixote, de Robert Smith, conforman un programa moi esixente no musical e atractivo para o público que se verá reforzado coa colaboración especial de Celso Fernández Sanmartín quen coa maxia da súa palabra establecerá o fío conductor do concerto.

Como cada ano neste evento, aprovéitase para presentar ás novas incorporacións da tempada, rapazas e rapaces que por propios méritos se fan cun posto como instrumentistas da Banda para aportar o seu bo facer e ilusión. Nesta ocasión trátase de 8 novos músicos: Aroa Cabaleiro Meijomín e Andrea Rodríguez Cid co clarinete, Iván Gutiérrez García e Lucía Rodríguez Frade coa frauta, María Abeledo Miguélez, Jimena Calvo González e Efrén Lorenzo Pérez co violonchelo e Toni Buján Ferreiroa co bombardino, se ben este último xa actuou en varios concertos coa Banda de Lalín nos últimos meses.

Así mesmo, tamén é o día de recoñecer o sacrificio e entrega dos máis veteranos polo que se fai entrega dunha distinción honorífica aos músicos que cumpren 25 anos en activo.

Dentro dos actos de Santa Icía, a Banda Xuvenil actuará o sábado 26 de novembro ás 17:30 na Salta “Tuno Valdés” do Auditorio Municipal. Para esta ocasión a agrupación dirixida por Santiago Mella García fainos unha proposta baixo o título “Unha viaxe coa Xuvenil” coa que pretende achegarnos a músicas de distintas épocas e países favorecendo unha experiencia cultural integral. Na realización da mesma participarán activamente os máis cativos da Escola de Música da Banda de Lalín.

Deixa o teu comentario