Festival de Bandas 2016 peqOs vindeiros 16 e 17 de abril terá lugar o Festival de Bandas de Música de Lalín organizado pola Banda de Lalín e coa colaboración do Concello de Lalín e a Deputación de Pontevedra. Este festival vén a ser a continuación dos ciclos de Concertos de Primavera que se viñan celebrando desde hai preto de 20 anos e que posibilitaron que polo auditorio de Lalín pasaran as máis sobranceiras bandas de música galegas cumprinco así cun dos principais obxectivos do evento que é achegar unha oferta musical de calidade ao público da vila.

O sábado 16, a partires das 20:30 h., na sala “Tuno Valdés” do Auditorio de Lalín, actuarán en primeiro lugar a Banda de Música de Barro baixo a batuta de Alberto Busto Castaño e a continuación a Banda de Lalín, con Isabel María Rubio Molina ao frente.

O domingo 17 será o turno das bandas xuvenís. A partires das 18:00 h. chegará a música da man da Banda Infantil de Lalín, seguida da Banda Xuvenil da Artística de Merza dirixida por Francisco Fernández Pérez e rematará a Banda Xuvenil de Lalín que, ao igual que a Infantil, terán a Santiago Mella na tarima da dirección.

Nesta fusión entre bandas e bandas xuvenís inspirouse a creadora do cartel, Tamara Pazos Astrar. Saxofonista da Banda de Lalín e con grandes dotes artísticas fixo un deseño no que se representa a un cativo soñando a través dos sons, emprendendo unha viaxe onírica a cabalo da música que esperta a admiración dun adulto que, abraiado, non pode senon recoñecer o talento, a paixón e a ilusión do rapaz.

A organización deste tipo de festivais procura a convivencia entre os músicos das distintas formacións acadando unha importante dimensión social ao tempo que posibilita coñecer o traballo que formacións senlleiras da nosa terra están a desenvolver ao tempo que se fai chegar ao público un repertorio variado e ameno baixo a máxima de desfrutar no mellor dos ambientes.

Deixa o teu comentario