Fin de Ano 2015peqO sábado 26 de decembro, ás 20:30 terá lugar o tradicional Concerto de Fin de Ano que nesta ocasión chega á súa 29ª edición. Nesta ocasión a proposta musical fusiona ás agrupacións locais nunha actuación na que o protagonismo estará compartido pola Banda de Lalín, a Coral Polifónica de Lalín e o Coro Luís Areán, participando este último por primeira vez en tal especial evento.
O repertorio terá un marcado carácter navideño aínda non tratándose de obras especificamente compostas para estas datas. A música estará chea de ledicia e espiritualidade alternando entre seleccións das mellores páxinas da nosa zarzuela, melodías inspiradas en corais de Bach, delicadas nanas e bandas sonoras de máxima actualidade como Star Wars. Cómpre dicir que no concerto de Santa Cecilia celebrado en novembro, o público tivo a oportunidade de facer suxerencias de repertorio nunha pizarra situada na entrada do auditorio, sendo a banda sonora composta por John Williams a máis aclamada polo que non podía faltar nun programa que a Banda de Lalín adica con especial agarimo ao seu público.
Un dos momentos máis emotivos da velada chegará coa estrea absoluta de “neva” unha canción na que Banda e Coral interpretarán os sons compostos por Benxamín Otero Otero sobre un poema de Uxío Novoneyra do mesmo título publicado na súa obra “Os eidos”. Sempre é unha honra facer a estrea dunha obra pero moito máis cando o autor é alguén tan querido e parte da nosa familia musical, polo que as sensacións experimentadas serán doblemente satisfactorias. Coa música de “neva” Benxamín Otero recrea precisamente unha nevada que nos transporta ao máis remoto do Courel para desfrutar de momentos de grande intimidade e case misticismo.
O Concerto de Fin de Ano sempre se caracterizou por ser un dos máis importantes para as formacións da vila polo que a súa preparación sempre se leva a cabo con moito esforzo e ilusión. Agardamos sexa do agrado de todos os presentes.

Deixa o teu comentario