IMG_9620A Banda Xuvenil de Lalín, baixo a batuta de Santiago García Mella e ante a atenta mirada de preto de duascentas persoas, fixo onte a súa primeira actuación nunhas festas patronais. Na honra da Virxe dos Remedios, ao refuxio da igrexa románica de San Martiño en Lalín de Arriba, nun marco non so de incomparable beleza senon de gran simbolismo histórico e máxico, os máis cativos da emblemática formación lalinense interpretaron un variado repertorio no que houbo lugar para a música galega, música orixinal para banda, bandas sonoras ou mesmo boleros. O público mantivo un silencio exemplar para desfrutar do bo facer dos músicos aos que recompensou ao remate da actuación cunha longa ovación que culminou coa interpretación dun bis.

Con esta actuación, a Banda Xuvenil de Lalín achégase á orixe popular que encumbrou a este tipo de formacións ao tempo que inculca aos músicos novos valores musicais e culturais da tradición bandística. Esta agrupación, formada hai máis de 20 anos da man de Luís Areán e ao fronte da cal estiveron mestres coma Benxamín Otero, Manuel Costa ou José Luís Taboada Areán, iniciou o pasado novembro unha nova andaina logo dunha gran renovación xeracional nas súas filas. O traballo xestado polos canteiráns coa dirección de Santiago García Mella levounos a unha vertixinosa evolución da que fixeron gala en cada unha das súas actuacións, tanto na vila lalinense como en cada unha das saídas, destacando a participación no festival de bandas de Fontao, organizado polo Banda Artística de Merza ou a viaxe a Porto onde tiveron a oportunidade de actuar no prestixioso Teatro Rívoli.

A labor dos nenos, do director e dos mestres da Escola da Banda así coma o sacrificio das familias que organizan o seu tempo de lecer en función de ensaios e actuacións son dignas do máis intenso aplauso, toda vez que unicamente a paixón pola música, a ilusión e a diversión son os alicientes cos que esta nova xeración de músicos vén petando moi forte convertíndose en inmenso motivo de orgullo para a Banda de Lalín e lembrándonos que o futuro está aquí, moi presente en cada un dos seus sons.

Nova no Faro de Vigo, 23 de agosto de 2015

Deixa o teu comentario